O VII Encuentro de Investigadores sobre el Franquismo estano organizando o Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación 10 de Marzo, en colaboración coa Red de Archivos Históricos de Comisiones Obreras.
Esta edición dos encontros aspira a avanzar un paso máis no coñecemento do que foi a ditadura, polo que abre as súas portas a todos aqueles investigadores que actualmente traballan sobre este período histórico.
O VII Encuentro de Investigadores sobre el Franquismo xirará arredor de seis mesas de discusión, a saber: «Mundo do traballo», «Migracións e exilios», «Identidades e conflitos territoriais», «Dinámicas políticas durante o franquismo», «Sociedade e movementos sociais», «Cultura e opinión». En cada unha delas, tras a presentación da sesión, un relator analizará as comunicacións presentadas, marcando as liñas do debate que se abrirá a seguir.
No que respecta á organización temática, talvez chame a atención a non inclusión da cuestión de xénero nas sesións de traballo. Lonxe de obviar un aspecto que experimentou notables avances historiográficos nos últimos anos, o Comité Organizador considerou que o dito campo historiográfico foi quen de visibilizar a muller; daquela, estamos xa en situación de incluír en cada un dos temas de investigación a cuestión de xénero sen necesidade de a converter nun capítulo á parte.
Queremos destacar dúas novidades con respecto a anteriores edicións. En primeiro lugar, incluíronse dúas mesas redondas. A primeira delas consistirá nunha posta ao día dos estudos sobre o franquismo. A calidade e a repercusión das persoas que estarán presentes nesa mesa, moderada polo profesor Ramón Villares, auguran o interese do debate. Outro tanto podemos dicir da segunda mesa, presidida polo profesor Lourenzo Fernández Prieto, na que se debaterá sobre un ámbito da investigación moi prolífico nestes últimos anos: a represión. A importancia destes traballos empurrou o Comité Organizador a introducir a segunda das novidades ás que nos referiamos: durante todo o encontro, os asistentes coñecerán os pósteres que sobre a represión presenten os investigadores procedentes do mundo da academia o das numerosas asociacións que están a traballar neste eido.